lunes, 11 de abril de 2011

O PSOE DE CABANAS ACUSA AO ALCADE

O PSOE de Cabanas acusa ao alcalde de utilizar as inauguracións de obras pagadas por Deputación e Goberno central para sacar rédito electoral

A candidata denunciou que o rexedor do PP convidou unicamente á conselleira de Benestar para unha actuación pagada polo Plan E

Koke Cabana esixe a Germán Castrillón que dé contas do traballo realizado pola asesoría protocolaria que traballa para o Concello

Cabanas, 7 de abril de 2011.- A candidata do PSOE de Cabanas, Koke Cabana, denunciou publicamente o acontecido nestas últimas semanas con respecto ás inauguracións de obras sufragadas con fondos da Deputación provincial e do Goberno central, ambos en mans dos socialistas. Así as cousas, Cabana acusou ao alcalde deste municipio, o “popular” Germán Castrillón, de utilizar os investimentos de administracións do PSOE para sacar rédito electoral.
Refírese en concreto a cabeza de lista da agrupación cabanesa a dúas actuacións inauguradas “a toda prisa” e sen informar nin convidar aos grupos da oposición nin moito menos aos responsables da administración promotora de cada unha das intervencións: a das pistas de pádel, levada a cabo o último día disposto pola lei para este tipo de actividades, é dicir, o 28 de marzo, e a do PAI (Punto de atención á infancia).
A primeira destas obras correu a cargo da Deputación, dentro dos Planes de Mellora da Calidade Turística, cun investimento de 75.000 euros. O máis grave desta situación é que, ademais de non convidar ao presidente da institución provincial, Salvador Fernández Moreda, “o alcalde tivo a desfachatez de, a unha pregunta formulada nesta dirección no pleno, respostar que non se acordaba de se o convidara ou non”. “É lamentable que non lembre un asunto como éste, sobre todo cando lle está a pagar, cos cartos de todos os veciños e veciñas de Cabanas, 2.250 euros mensuais á asesoría de protocolo Pressboxes S.L. que, por certo, unicamente ten como cliente ao Concello de Cabanas e foi creada en 2007 cando Germán Castrillón accedeu á Alcaldía”, asegurou a candidata socialista, que vencellou aos xerentes desta empresa coa socia que ten o rexedor no seu taller de vehículos. “Curiosamente, os xerentes son sobrinos carnais da socia do alcalde”, dixo.
Da mesma gravidade é, a xuizo dos socialistas, o acontecido co acto de inauguración do Punto de Atención á Infancia (PAI). Koke Cabana, a este respecto, cualificou como “bochornoso” o que fixo o alcalde do Partido Popular, convidando tan so á conselleira de Benestar, Beatriz Mato, “cando o único que aportou a Xunta a este proxecto, pagado co Plan E do Goberno de España, que investiu 142.500 euros, foron os permisos correspondentes”, dixo a cabeza de lista socialista.
Por todo iso, a agrupación socialista cabanesa esixe explicacións ao PP e, nomeadamente, ao seu alcalde, Germán Castrillón, por estes asuntos denunciados que constitúen unha “total falla de respecto ás administracións, aos grupos políticos e, fundamentalmente, aos veciños e veciñas de Cabanas”. “E todo, por acadar un puñado de votos”, asegurou a candidata.

No hay comentarios:

Publicar un comentario